José María Castiñeira Pardo


Categoría: Crego e musicólogo
Data de Nacemento: 23 de febreiro de 1928 (†31 de outubro de 1989)
Lugar de Nacemento: Aspai, Outeiro de Rei (Lugo)
 Currículum

Ingresou no Seminario Diocesano de Lugo en 1941, onde estudou Latín e Humanidades. En 1947 marchou a Roma para estudar Filosofía, pero tivo que regresar a Lugo a causa dunha grave enfermidade. Tras unha longa recuperación, continuou no Seminario de Lugo estudando Teoloxía e Filosofía. Trala súa ordenación sacerdotal en 1953, volve a Roma a ampliar estudos. Alí acada a licenciatura en Teoloxía, e no Pontificio Istituto di Musica Sacra as seguintes especialidades: Licenciatura en Canto Gregoriano e cursos do doutorado, Maxistratura en Harmonía, Composición e Dirección, Bacharelato en Musicoloxía e Bacharelato en Paleografía Gregoriana. Compaxina estes estudos coa colaboración como organista na Basílica de Montserrat, e como membro da Cappella Musicale Pontificia, baixo a batuta do Mestre Lorenzo Perosi.

De novo en Lugo en 1961, obtén por oposición o cargo de Prefecto de Música na Catedral de Santa María, e no Seminario é nomeado profesor de música, vigorizando a Scholla Cantorum. Durante seis años creou e dirixiu a Coral Polifónica do Círculo das Artes e durante dous anos a Polifónica de Lugo.

En 1971 é nomeado Reitor do Seminario Diocesano de Lugo, cargo que desempeñará ata 1981. Cesado do cargo de Reitor, funda o Orfeón Lucense e é nomeado membro do Consello de Cultura da Excma. Deputación Provincial de Lugo, creando a “Escolanía de Canto” do mesmo órgano Provincial. Esta escolanía, aínda existente, chámase “Escolanía Xosé Castiñeira Pardo”.

En 1989, unha grave enfermidade obrígao a interromper a súa actividade en plena idade de ouro. Falece finalmente o 31 de outubro de 1989.

Amigo, pai e irmán, afable no trato, permanece no recordo do pobo de Lugo, que o recorda cariñosamente cunha avenida e un monolito no Parque de Rosalía de Castro.

 Obras realizadas

A súa obra musical destaca por un estilo actual, acomodado ás prescricións conciliares do Vaticano II, creando as primeiras composicións litúrxicas en lingua galega e as Misas para coro e pobo. A súa faceta como arranxista e compositor profano, tampouco deben pasar desapercibidas. O arquivo capitular da Catedral de Lugo conserva toda a súa obra, e un disco editado en 2007 mostra de forma práctica a música que este mestre deixou.