Ana Isabel Rodríguez Vázquez


Categoría: Xornalista. Decana da Facultade de Ciencias da Comunicación
Data de Nacemento: 10 de xuño de 1971
Lugar de Nacemento: Lugo
 Currículum

Estudiou Ciencias da Información en Madrid, na Universidade Complutense e na Escola Universitaria San Pablo-CEU, onde se licenciou en 1994. En 2001 fixo o doutoramento en Xornalismo pola Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela coa tese Os informativos diarios nas televisións locais de Galicia, na que obtivo a cualificación de sobresaliente “cum laude”. Despois de realizar prácticas de verán no xornal El Progreso durante o período 1989-1993, Ana Isabel ven desenvolvendo unha importante actividade no seu campo profesional.

Desde 1989 a 1997 coordinou diversas produccións audiovisuais en Ophiusa, S.L. Productora de Vídeo, para a Xunta de Galicia, TVG e TVE-Galicia.

Durante o ano 1995 foi correspondente de “Diario 16 de Galicia” en Lugo.

Durante catro anos (1994-98) dirixiu e presentou os Servicios Informativos e espacios informativos especiais da televisión local Televisión Lugo, S.A.

En 1997, foi relatora no curso “Educación e Xornalismo” organizado polo ILEA (Instituto Lucense de Expresión e Arte) na Deputación Provincial de Lugo.

En 1999 dirixiu e presentou o programa “Os nosos pobos” de TVE-Galicia e ata febreiro de 2002 foi responsable de prensa do Grupo Municipal do PpdeG no Concello de Lugo.

En xullo de 2002 foi relatora no I Congreso de Linguas Estranxeiras aplicadas ó Comercio Exterior na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

En setembro de 2002 realizou o estudio “20 anos de televisión local en Galicia. Estigmas, condicionamentos e retos”, que tiña unha bolsa da Xunta de Galicia. En outubro do mesmo ano participou na Aula de Análise do Congreso sobre Televisións Locais, organizado pola Universidade de Santiago e o Colexio de Xornalistas de Galicia. En novembro foi relator das Xornadas de Comunicación Interdepartamental, organizadas pola Secretaría Xeral de Relacións cos Medios Informativos, coa conferencia titulada “A televisión local en Galicia. 20 anos de andadura. A sociedade da información: novo reto para o espacio local televisivo”. En decembro do mesmo ano realizou o estudio Evolución da Lei do Audiovisual Galego de 1999, publicado polo Observatorio Audiovisual Galego da Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente é coordinadora de contidos da Editorial Citania de Publicacións, S.L., coordinadora de contidos da Productora Ophiusa, S.L., directora xeral adxunta de Interdix Galicia, S.L., membro do grupo de investigación do Observatorio Audiovisual Galego (ODA) da Universidade de Santiago, docente na Escola de Producción de Televisión, Radio Cine e Espectáculos “O Raio Verde” de Santiago, onde imparte o módulo “Producción de Televisión” e docente na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (novembro de 2003).

En maio de 2022 foi nomeada Decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

GaliciaDigital, 24/5/2022

La Voz de Galicia, Lugo. 27/6/2022 (1)

La Voz de Galicia, Lugo. 27/6/2022 (2)

 Outros datos de interese

Ademais da súa ampla experiencia profesional, Ana Isabel Rodríguez asistiu a numerosos cursos e xornadas, relacionados co seu campo. Fala galego, inglés e francés.