Cándido Sánchez Castiñeiras


Categoría: Médico e político
Data de Nacemento: 11 de decembro de 1941
Lugar de Nacemento: Santiago de Compostela
 Currículum

Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Facultade de Medicina de Santiago de Compostela, pertence ó corpo médico de Sanidade Nacional por oposición e ó corpo médico da Mariña Civil. É diplomado en Sanidade, oficial sanitario, especialista en Microbioloxía, Medicina Preventiva e Saúde Pública, e en Análises Clínicos. Exerceu de médico especialista ó servicio da Sanidade Nacional na Escola Nacional de Sanidade e no Centro Nacional de Microbioloxía, Viroloxía e Inmunoloxía Sanitaria. Ocupou os cargos de subxefe provincial de Sanidade de Lugo (1969-1971), xefe provincial de Sanidade de Lugo (1971-1979) e director de saúde de Lugo. Actualmente é o xefe do "Servicio de Promoción da Saúde" na Delegación de Sanidade en Lugo. É profesor de Saúde Pública na Escola Universitaria de Enfermería de Lugo (estando en posesión da "venia docendi"). Foi presidente da Academia Médico-Cirúrxica de Lugo (1973-1977), vicepresidente da comisión delegada da UNICEF en Lugo (1974-1995), vicepresidente da Asociación Española de Biopatoloxía Médica (AEBM) e presidente do comité técnico da xunta provincial da Asociación Española da Loita contra o Cancro de Lugo. É académico correspondente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, socio de honor da Academia Médico-Cirúrxica de Lugo, socio de honor da Asociación Provincial Lucense de Alcohólicos Rehabilitados e membro numerario de distintas asociacións científicas e profesionais.

 Obras realizadas

Publicou diversos artigos e traballos de investigación sanitaria, entre os que destacan: Necesidades de personal médico en Galicia (1972); Concepto general y puesta en marcha de la Medicina Preventiva en el medio rural gallego (1972); Mortalidad general y especifica en Galicia e AEBM ante los Análisis Clínicos Rev. Diagn. Biol. 2000: 50. Participou en congresos e simposios nacionais e internacionais de temática sanitaria, publicou numerosos artigos de contido político e institucional, dirixiu numerosos cursos de saúde pública, impartiu charlas e conferencias de interese sanitario e formou parte de tribunais cualificadores de oposicións para o ingreso no corpo de médicos titulares.

 Outros datos de interese

En 1977 foi elixido senador de UCD pola provincia de Lugo, presidente da Comisión de Sanidade e Seguridade Social e presidente da Comisión Especial de Investigación dos Traballadores Emigrados. Negociou as transferencias de sanidade á Xunta de Galicia na Preautonomía. Foi relator do documento ideolóxico no congreso constituinte de Coalición Galega (CG) celebrado en Vigo (1985), membro da executiva nacional de CG, presidente de CG (1990), deputado por Lugo no Parlamento Galego (Lexislaturas 1985-89 e 1989-93), portavoz parlamentario de CG nas dúas lexislaturas, concelleiro do Concello de Lugo (1987-91) e deputado provincial na Deputación de Lugo (1987-91). Está en posesión da Encomenda con Placa da Orde Civil de Sanidade e da Orde do Mérito Constitucional. Está casado con Mª do Carmen Pérez-Mel e Pérez-Batallón e ten catro fillos: Alejandro, Jorge, Carmen e José Carlos.