Manuel Caamaño Suárez


Categoría: Aparellador
Data de Nacemento: 2 de xaneiro de 1936
Lugar de Nacemento: Noia (A Coruña)
 Currículum

Titulouse como arquitecto técnico na Escola Politécnica de Barcelona e traballou nas constructoras “Agromán” (1956-62) e “Dragados y Construcciones” (1963-98). Simultáneamente exerceu a docencia (1975-2000) na Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña, impartindo as asignaturas “Construccións tradicionais galegas” e “Restauración e reutilización de edificios”, á vez que dirixiu máis de douscentos proxectos de fin de carreira de 1987 a 2003. Foi vicesecretario do Centro Galego de Barcelona (1958-62), presidente da Agrupación Cultural “O Facho” da Coruña (1966-79), conselleiro das editoriais GALAXIA (1972-86) e SEPI (1969-75), promotor e presidente da Sociedade Cultural ESCOLA ABERTA (1978-86) e membro fundador de ADEGA en 1976, da Fundación Castelao en 1983 e das revistas “Teima” e “Tempos Novos”, en 1976 y 1997, respectivamente. Nos anos 1970 e 1980 colaborou asiduamente en La Voz de Galicia. Conferenciante ocasional, interveu como xurado en varios certames e premios e tamén presentou publicacións como Unha ducia de galegos, de Víctor Freixanes (1976), Arquitectura popular en Galicia, de P. De Llano (1981) e Tertulia de X. Alcalá (1985).

 Obras realizadas

Publicou os seguintes traballos en libro, xunto con outros colectivos: Pro e contra da liturxia en galego. Historia dunha polémica, en colaboración con X.M. Rodríguez Pampín (SEPI, 1980), Sobre Galicia como responsabilidades (Edicións do Castro, 1988), “A casa-vivenda”, no tomo XXIII do Proxecto Galicia de Hércules Edicións (A Coruña, 1997), “A casa popular” e “As construccións adxectivas” (Cadernos do Museo do Pobo Galego, números 8 e 9, Santiago de Compostela, 1999) e As construccións da arquitectura popular. Patrimonio etnográfico de Galicia (Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, Santiago de Compostela, 2003), obra galardonada cos premios de investigación XIX Premio “Antón Losada Diéguez” (abril 2004) e XXVII Premio da Crítica-Galicia (maio 2004).

 Outros datos de interese

Na actualidade, é o secretario da xunta rectora do Museo do Pobo Galego e do seu padroado, membro da Fundación Pedrón de Ouro e do Consello Social da Universidade da Coruña, designado polo Parlamento de Galicia.