Primitivo Iglesias Sierra


Categoría: Mestre e escritor
Data de Nacemento: 18 de xullo de 1950
Lugar de Nacemento: San Andrés de Loboso, A Pastoriza (Lugo)

Opinión
 Currículum

Realizou o Bacharelato no Seminario de Mondoñedo e no IES "Lucus Augusti" (antigo Masculino). É licenciado en Filosofía e Letras (sección de Filoloxía Moderna, Subsección de Español) pola Universidade de Santiago de Compostela e actualmente ocupa o posto de catedrático de Lingua e Literatura Galega no IES "A Nosa Señora dos Ollos Grandes" de Lugo. Foi profesor no Colexio "La Merced" de Sarria (1977-79) e na antiga Universidade Laboral de Ourense (1979-89). Participou na redacción dos programas de Lingua e Literatura Galega para o nivel de Formación Profesional (1983), foi profesor colaborador do ICE da Universidade de Santiago de Compostela no curso sobre "Didáctica da Lingua Galega na FP" (1984), profesor colaborador da Dirección Xeral de Política Lingüística (1979-89), conferenciante no I Seminario sobre a Reforma Educativa (Ourense, 1985) e nos Encontros de Mestres e nas Xornadas sobre Cultura e Lingua Galega (Ourense, 1987). Participou con comunicacións no XIX Congreso Internacional de Lingüística e Filoloxía Románica (Santiago, 1989) e no Congreso Internacional de Lingüística (Lugo, 2000). Dende 2007 é alcalde da Pastoriza.

 Obras realizadas

É autor das seguintes obras: Vocabulario Gallego-Castellano (Argos-Vergara, 1984), Diccionario Xerais da Lingua (Xerais, 1986), Pequeño Diccionario Xerais da Lingua (Xerais, 1989), Diccionario Castelán-Galego (Xerais, 1990), Literatura Galega, 3º BUP (Anaya, 1991), Gran Diccionario Xerais da Lingua (Xerais, 2000) e Novo Diccionario Xerais da Lingua (Xerais, 2002). Publicou artigos nas revistas Grial, A Trabe de Ouro, Irimia, Encrucillada, Verba, na desaparecida Teima e no xornal El Progreso, así como noutras publicacións colectivas sobre temas referidos á súa especialidade. Traduciu ó galego Hoxe de hoxe de mil novecentos hoxe, de Antoniorrobles, representada polo Grupo de Teatro Sarabela (Ourense, 1984).