Antonio Campos Romay


Categoría: Funcionario e político
Data de Nacemento: 15 de maio de 1946
Lugar de Nacemento: Poio (Pontevedra)
 Currículum

Titulado Mercantil e en Ciencias da Enfermería. Diplomado en Saúde Pública, Dirección Hospitalaria (Área de Enfermería) e Saúde Laboral. Na actualidade, exerce como funcionario dos Servicios de Inspección Sanitaria, da Consellería de Sanidade, á que chegou transferido da Administración Central do Estado. Tenente de alcalde do Concello da Coruña na súa primeira corporación democrática e na seguinte lexislatura. Presidiu as Comisións de Sanidade, Servicios Sociais e Participación Cidadá. Desenvolveu o Centro Municipal de Planificación Familiar, o Centro de Ex-Alcohólicos en colaboración coa Asociación de Ex-Alcohólicos da Coruña, Centros Sociais de barrio, Programas de Atención a Domicilio á 3ª Idade, Excursións subvencionadas de xubilados, etc. Algunha destas actividades foron pioneiras dentro da Comunidade Autónoma nese momento. Baixo o seu impulso e presidencia celébrase o II Congreso Estatal de Planificación Familiar, con participación de máis dun milleiro de profesionais do sector. Presidiu o Consello de Administración do Hospital Municipal Labaca da Coruña, desde o que promove a súa reforma e modernización. No verán de 1982, durante a mobilización de Galicia contra os vertidos radioactivos, participa na expedición do Arosa I como representante do goberno municipal coruñés, asistindo posteriormente como observador da VII Reunión Consultiva da Convención Marítima Internacional para prevención da contaminación mariña celebrada en Londres, en representación do Concello coruñés. En ámbalas dúas lexislaturas foi deputado provincial, exercendo como portavoz do grupo provincial socialista. Deputado pola provincia da Coruña no Parlamento de Galicia, desempeñou a súa actividade parlamentaria como voceiro en política sanitaria do seu grupo parlamentario. Militante do P.S. de G.- PSOE, pertenceu á súa Comisión Executiva de Galicia, ó Comité Nacional e foi Secretario Xeral da Coruña, inaugurándose baixo o seu secretariado a Casa do Pobo coruñesa. Vinculado á Agrupación Socialista Coruñesa, promove o Instituto de Estudios Socialistas Coruñeses, no que participaron personalidades como Isaac Díaz Pardo, Fernando González Laxe ou Alfredo Conde. En diversas etapas foi Coordinador dos Grupos de Sanidade e Servicios Sociais do P.S. de G. Recentemente participa na organización e dirección da Corrente de Opinión Socialista por Galicia, que ten por obxecto ser acicate da necesidade dunha ampla reflexión e debate interno tralas eleccións autonómicas de 1998, que desembocaría na Conferencia Política e o Congreso de Ourense desta organización política.

 Obras realizadas

Coautor conxuntamente con Mari García Añón e Fernando González Laxe do libro Desde la Fosa de la Muerte, que recolle a experiencia da mobilización de Galicia contra os vertidos nucleares, quizás a maior mobilización ecolóxica que houbo en terras galegas.

'La Mirada Melancólica',  conxunto de relatos ambientados nos suburbios dunha cidade galega,  foi editada por Espiral Maior en galego baixo o título 'A Ollada Melancólica'.

Tamén é autor dun libro inédito 'La isla de las diosas sin suerte', breve ensaio sobre La Habana e as súas xentes.

É colaborador habitual de Xornal de Galicia onde publica unha columna con carácter semanal.

 Outros datos de interese

Participa na constitución e o Padroado da Fundación Xaime Quintanilla, sendo membro do seu Consello Rector. Na actualidade é presidente da Fundación Instituto de Estudios Políticos e Sociais, da que é promotor e patrono fundador.

Actualmente é Presidente Fundador da Fundación IEPS, colaborando nas súas actividades tras cesar na presidencia despois de catorce anos na mesma.
Asimesmo é Vicepresidente do IGEA (Instituto Galego de Estudios Europeos e Autonómicos).