Currículum: Naceu nunha familia humilde de oito irmáns. En 1948 ingresou no Seminario de Lugo, sendo ordenado sacerdote o 29 de xuño de 1960. Entre 1960 e 1964 foi párroco en Antas de Ulla (Lugo). En 1964 foi nomeado director do Seminario Conciliar, cargo que desempeñou ata 1980. Entre 1966 e 1968 ampliou os seus estudios en Roma e licenciouse en Sagrada Teoloxía pola Universidade Gregoriana. En outubro de 1980 foi nomeado Capelán do Hospital Xeral de Lugo. Entre os cargos que ten ocupado, podemos destacar: Delegado e visitador de relixiosas na provincia de Lugo, delegado da Pastoral Vocacional, delegado de Relacións Ecuménicas entre Confesións Cristiás, profesor do Seminario de Lugo e cofundador do "Poblado de Nazaret" para a atención e promoción da etnia xitana. Actualmente é capelán no Hospital Xeral de Lugo, delegado de Pastoral da Saúde, consiliario da Asociación de Viúvas "Julia Minguillón" (desde 1977), presidente da "Coral do Hospital Xeral-Calde", director do grupo de teatro "Lucho" no hospital, animador do voluntariado e Pastoral da Saúde para o coidado do enfermo no Hospital, Residencias e domicilio, e colaborador de "AUXILIA" e "Hospitalidad de Lourdes".
Obras realizadas: En 1991 crea a Coral do Hospital coa que ten viaxado por Europa e actuado en París, Roma, Vaticano e Lisboa. Teñen en proxecto visitar Arxentina cun repertorio de 120 pezas.
En 1993 crea o Grupo de Teatro Lucho do Hospital, co que percorre diversos Concellos de Galicia interpretando obras como: 'O enfermo imaxinario' (Molière), 'O menciñeiro á forza' (Molière), 'O cego de Fornelos' (M. Varela Buján), 'Ganas de reñer' (A. Quintero), 'A Pousadeira' (Carlo Goldoni), 'Armando Gresca' (A. Ortega) e 'Entre zánganos e Flores' (próximo estreno).
Outros datos de interese: No 2006 recibe unha homenaxe polos seus 25 anos no Hospital.