Manuel Castro Gago


Categoría: Doutor, profesor e investigador
Data de Nacemento: 30 de agosto de 1947
Lugar de Nacemento: Porranes-Barro (Pontevedra)
 Currículum

Despois de estudia-lo bacharelato nos Escolapios de Monforte, cursou estudios de Medicina en Santiago de Compostela (1965-71), obtendo o premio extraordinario de licenciatura. En 1974, obtén o título de Especialista en Pediatría e Puericultura e en 1981 o de Especialista en Neuroloxía. Intégrase no Departamento de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela como médico adxunto, pasando en 1979 a xefe de sección e en 1982 a xefe do servicio de lactantes, cargo que desempeña na actualidade. Actualmente tamén é catedrático de Pediatría no Departamento de Pediatría da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Despois de obte-la licenciatura, obtivo varias bolsas de estudios e axudas de investigación, procedentes do Fondo de Investigacións da Seguridade Social e da Xunta de Galicia. Pola súa actividade investigadora fóronlle concedidos numerosos premios, entre os que cabe destacar: Premio da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia pola investigación Bocio endémico en niños y adolescentes de Galicia: estudio epidemiológico, antropométrico, bioquímico y psicométrico, Premio Nacional de Pediatría pola investigación Estudio de los metabolitos de los nucleótidos purínicos en el LCR de niños con hidrocefalia, meningitis, sepsis y convulsiones febriles, Premio "Marcos Ortega Mera" pola investigación Distrofia muscular tipo Duchenne. Estudio de las alteraciones del metabolismo purínico y sus implicaciones patogénicas, entre outros moitos. É membro de vintetrés Sociedades Científico-Médicas, once delas internacionais (European pediatric Neurology Society, International Child Neurology Association, European society for Developmental Pharmacology...). Desempeñou varios cargos directivos en Sociedades Científico Médicas como o de secretario e vicepresidente de especialidades pediátricas da Sociedade de Pediatría de Galicia. É membro da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, membro de honor da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Asociación Española de Pediatría e membro dos consellos de redacción de varias revistas científicas.

 Obras realizadas

Ademais dos seus traballos de investigación, dirixiu vintecinco teses de licenciatura e dez teses de doutoramento, colaborou con capítulos en corenta libros e/ou monografías de Pediatría e Neuroloxía Pediátrica nacionais e internacionais. É autor do libro Tratamiento de las enfermedades neurologicas en niños y adolescentes (Espaxs, Barcelona, 1999). Pronunciou numerosas conferencias en España e no estranxeiro (U.S.A., Alemaña, Francia, Bélxica, Italia, Portugal...) e participou con 630 comunicacións científicas, relatorios e mesas redondas en numerosos congresos e reunións científicas nacionais e internacionais. Realizou trescentas publicacións científicas en revistas nacionais e internacionais.